Friday 03 de May de 2024

Ordes non deixará pasar por alto este xoves o Día Mundial da Saúde Mental


 

Da man da Andaina PSM haberá unha xornada de portas abertas no seu local, ademais de charlas sobre o suicidio, eixe central desta xornada

Ordes non deixará pasar por alto o Día Mundial da Saúde Mental, o cal se conmemora este vindeiro xoves, 10 de outubro.

Día no que a asociación Andaina Pro Saúde Mental celebrará a partir das 11.30 horas unha xornada de portas abertas para todas aquelas persoas que queiran visitar o seu local, situado na vila de Ordes na rúa Emilia Pardo Bazán, número 14. Outra das actividades previstas é a charla que ofrecerá a profesional Lola Ferreiro Díaz sobre mulleres e saúde mental a partir das 11.45 horas. Entre as persoas que asistirán a este acto figura Susana García, presidenta da Mancomunidade de Ordes e concelleira de Política Social de Ordes.

Este ano a conmemoración da xornada xira en torno ao suicidio, considerado pola OMS “como un dos problemas máis graves de saúde pública e que, consecuentemente, debe ser atendido de forma prioritaria”, tal e como se sinala no manifesto asinado pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES). Baixo o lema Conect@ coa vida, “quérese reivindicar unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos, traballando na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na súa visibilización”. Para isto cóntase xa cunha nova ferramenta aberta a todo o público. Trátase da páxina web www.conectacoavida.org.

Segundo datos oficiais, no mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, sendo a principal causa externa de mortalidade en España, e situándose Galicia como a segunda rexión con maior taxa de incidencia, superada tan só por Asturias, con arredor de 300 mortes ao ano por esta causa.

Dende FEAFES faise un chamamento aos medios de comunicación “para tratar dun xeito responsable este tipo de información”, e ás administracións públicas “a comprometerse e situar esta problemática no lugar que lle corresponde dentro das axendas políticas e sanitarias”. Por todo isto esixen “unha implementación real, efectiva e firme do Plan de Prevención do Suicidio de Galicia”.